1016
Silván
Zumaque
Dicían que para a reuma era cousa boa fregar a parte doente con estrugas. Isto escoitábase e inda se escoita se se pregunta.
En cambio, nunca coñecín ninguén que dixese que curara ou que aliviara a reuma fregando con estrugas a parte enferma.
Estou farto da música omnipresente, do fío musical, e agora dos teléfonos móbiles con música e sen cascos nos autobuses, que inda que non estea ben vista e ata prohibida (ou é unha lenda urbana o da prohibición?) si está consentida por obra e graza do hedonismo, que é unha das revolucións populares dos nosos tempos.
Din que a reuma ten que ver co clima húmido e fresco-frío. Aquí si que teño escoitado a xente dicir que moito melloran cando van pasar o inverno a Maspalomas.
Precisamos traer calor de fóra e escoitar a xente de aquí a carón do lume e na cociña, precisamos sacar calor para os ósos de onde sexa.
Precisamos bares en silencio como o Paradiso en Santiago ou o Camilo en Lalín.
Precisamos música que nos protexa contra a reuma, co humor, a necesidade mestiza que é a paixón que nos valeu para andar polo mundo e traer o que nos parece mellor.
Temos a música deste disco de Zumaque que non me importaría que a tocase a Berenguela, desde o seu alto, ou a bucina do faro de Corrubedo para avisar os barcos nos días de néboa mesta, que estimulan os amantes que descansan e que calman os nenos con gases e medos.
Confío moito na xente que é doce e arde por dentro coa sabedoría dos ollos grandes das vacas que non están estabuladas e poden mirar horizontes, coma nós, se queremos.
Admiro a xente que ten pulmóns para tocar e dedos para respirar.
Viva o remedio que vén neste disco!
Lalín, 25.06.2020_Celso Fernández Sanmartín